Os Premios Paraugas presentan en Ferrol aos 33 finalistas da súa X edición, referentes da comunicación e o márketing galego

O Clúster da Comunicación de Galicia celebra o 21 de novembro en Ferrol o décimo aniversario dos Premios Paraugas, consolidado como o gran encontro anual da comunicación, a creatividade e o márketing en Galicia
Os finalistas foron seleccionados entre máis de 250 candidaturas e reflicten o gran nivel creativo e profesional do sector galego da comunicación e o márketing
Ferrol, 13 de novembro de 2025.– O Concello de Ferrol acolleu esta mañá a presentación oficial dos Premios Paraugas, organizados polo Clúster da Comunicación de Galicia, que chegan este ano á súa décima edición como o gran encontro anual da comunicación, a creatividade e o márketing galego. A gala de entrega celebrarase o 21 de novembro no Teatro Jofre de Ferrol, que acolle o evento por terceiro ano consecutivo.
No acto de presentación participaron o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; o presidente do Clúster da Comunicación de Galicia, Alberto Garnil, quen anunciou as candidaturas finalistas; e Ana Méndez, directora-xerente de Galicia Calidade, unha das entidades patrocinadoras dos galardóns.
Antes de presentar aos proxectos finalistas Alberto Garnil destacou que “chegar á décima edición cos Premios Paraugas en Ferrol e con trinta e tres proxectos finalistas é a mellor mostra da forza creativa que está a vivir Galicia; somos un sector unido, diverso e en constante evolución.” José Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol, valorou que o certame volva a Ferrol por terceiro ano consecutivo: “Ferrol volverá a ser a capital da industria e o
punto de encontro das mellores empresas grazas a estes premios”. Por último, Ana Méndez, directora de Galicia Calidade, salientou “a importancia de apoiar un evento que visibiliza o talento e a creatividade galega e que contribúe a fortalecer a imaxe de Galicia como territorio innovador e referente en calidade”.
Máis de 250 candidaturas e un xurado de referencia Nesta edición dos Premios Paraugas recibíronse máis de 250 candidaturas procedentes de empresas, axencias e profesionais de toda Galicia: “O nivel das candidaturas reafirma que a comunicación e o márketing galegos están no máis alto: profesionais que innovan, marcas que arriscan e proxectos que sitúan Galicia no mapa creativo estatal”, sinalou Garnil. O xurado, composto por 14 profesionais de referencia, -presidido por Paz Comesaña, directora de Marketing de Bankinter-, dos ámbitos da comunicación, o deseño, o márketing, a publicidade, os eventos e a impresión, destacou o alto nivel dos proxectos finalistas, que consolidan a Galicia como un dos grandes centros creativos do Estado. Os membros do comité sinalaron tamén a presenza de traballos de gran influencia e impacto a nivel nacional, que manteñen o sinal de identidade da calidade e o bo facer galego.
Proxectos finalistas con acento galego e diversidade creativa En total son 33 proxectos finalistas, que amosan a diversidade e a vitalidade do sector. Na categoría de Mellor Produción Gráfica, compiten Unha árbore de historias, de Gráficas Anduriña e Desoños para a Biblioteca de Galicia; Impresións de Castelao en Vigo, de Imprimeverde e Desoños; e Sempre libres e vivas, de Gráficas Anduriña para Uqui Permui.
Na categoría de Mellor Solución de Deseño foron seleccionados Branding Hoppers, de Tio Phil para o Grupo Aspasia; o proxecto Marca Betanzos, deseñado por Contorna, Besada, Failde BMJ Arquitectos e Nuria Carballo para o Concello de Betanzos; e o Rebranding da Cámara Mineira de Galicia, desenvolvido por Costa.
As ideas máis inspiradoras optan ao Premio á Mellor Idea Creativa, con La obra que nos faltaba, de Recados Carmen para Fnac; Paco & Lola, 20 aniversario, de Tio Phil; e Caldo para paella valenciana, de Imaxe para Estrella Galicia. Pola súa parte, o Premio á Mellor Campaña Publicitaria decidirase entre Todo es marketing, de Recados Carmen para ESIC; Segue sen haber nada máis de Madrid ca non ser de Madrid, de Imaxe para Estrella Galicia; e Si quieres opositar no hay tiempo que perder, de Reclam para Centro de Estudios Oposiciones.
En Estratexia de Márketing, resultaron finalistas Estratexia de márketing de Ducati, de Recados Carmen; Krack nos Premios Féroz 2025, da área de branding de Krack; e de novo Todo es marketing, de Recados Carmen para ESIC. Na categoría de Acción de Branding, competirán Hermanas de Bruselas, de Salúdame Siempre para Río de Galicia; RIO1923. Raíces, Identidade, Orgullo, do Real Club Celta; e Acción de branding Paco & Lola, de Tio Phil.
Tamén aspiran ao Premio á Mellor Estratexia Global de Comunicación Activismo rural: un reto de la leche, de ATREVIA para o Grupo Lence; Voltarei: unha homenaxe á emigración galega, do Real Club Celta; e Birdmind, de Closet Comunicación. O Premio á Estratexia máis Eficaz decidirase entre Quest for a job. O currículum convertido en videoxogo, de Antón Veiga; Todo es marketing, de Recados Carmen para ESIC; e O mellor agasallo da historia, do Real Club Celta.
No eido dos eventos, optan ao Premio ao Mellor Evento Profesional ou Corporativo 32ª Asamblea General Ordinaria da Asociación Iberoamericana de Ministerios Públicos, organizada por Corre Lola Corre para o Ministerio Fiscal de España; Atlantic Green Hub, de Ingenyus, Viratec e Aclima; e O Encontro, de efbs Grupo Educativo e CESUGA.
Como Mellor Evento Cultural, Gastronómico ou Musical, o xurado elixiu como finalistas Soundhood SON Estrella Galicia, de Imaxe; Festival Portamérica, de Esmerarte Industrias Creativas; e Vila do Libro Pontedeume 2025, de Cecubo Group, Vita Libris e Concello de Pontedeume.
Finalmente, na categoría de Novos Talentos, competirán GEN, de Zaineb Aga; Dirección creativa e identidade visual de Xara Fest 2025, de Alberto González; e Don’t wear it. Train it., de Bruno Veloso.
Dez anos recoñecendo o talento galego Ademais das categorías competitivas, entregaranse os Premios Honoríficos, que recoñecen traxectorias profesionais destacadas nos ámbitos da comunicación e da creatividade en Galicia e catro galardóns especiais.
O Premio Honorífico de Comunicación concederase a Santiago Rey Fernández-Latorre, histórico editor e presidente de La Voz de Galicia, pola súa contribución decisiva ao xornalismo galego e á modernización do sector. Pola súa banda, Marisa Guitián Martínez, fundadora e directora da axencia Idea Creatividad y Comunicación, recibirá o Premio Honorífico de Creatividade pola súa traxectoria pioneira e pola creación dun modelo empresarial que marcou un fito na publicidade galega.
Os galardóns especiais son o Premio Galicia Calidade, destinado a distinguir un anunciante, axencia ou proxecto revelación; o Premio ao Anunciante do Ano, que recoñece unha aposta sostida pola comunicación e o márketing; e o Premio Paraugas de Ouro, considerado o maior recoñecemento do evento e reservado á candidatura máis sobresaínte. Nesta edición, o certame aposta permitir a participación cidadá a través do Premio Paraugas do Público.
Os Premios Paraugas 2026 contan co patrocinio de Xunta de Galicia e Galicia Calidade, o Concello de Ferrol, CESUGA e Estrella Galicia, ademais de AVANTE, Punto Gal, tac!, Raiola Networks e Abanca.
Clúster da Comunicación de Galicia O Clúster da Comunicación de Galicia reúne a toda a cadea de valor da industria galega do márketing, a comunicación, o deseño, os eventos, a impresión e a publicidade. Actualmente está integrado por 233 entidades, entre empresas, asociacións e centros tecnolóxicos ou de formación, e traballa para poñer en valor o talento, a profesionalidade e a innovación do sector na comunidade.
Carme D. Prol
comunicacion@clustercomunicacion.gal

