Os Premios Paraugas regresan a Ferrol con dez anos de historia facendo brillar o márketing e a comunicación feita desde Galicia

Ferrol, 3 de outubro. – Os Premios Paraugas cumpren dez anos destacando os mellores proxectos do sector do márketing e a comunicación de Galicia. Para celebrar esta décima edición regresan a Ferrol cunha gala o 21 de novembro na que a industria lucirá os mellores proxectos feitos no último ano. Unha noite para amosar como o sector revoluciona a creatividade da comunidade, impulsa as súas empresas e crea riqueza cultural e económica.
O Clúster da Comunicación de Galicia organiza o certame, que busca poñer en valor a calidade do traballo feito desde a comunidade, así como enxalzar a función da creatividade, o deseño, a edición, o márketing, a comunicación e os eventos como medio para aumentar a competitividade e a capacidade de innovación.
Novos premios para un sector cambiante
Na súa décima edición, os Premios Paraugas adáptanse a un novo contexto do sector, máis transversal, integrado e cambiante, simplificando as categorías, incorporando criterios transversais e equilibrando o peso entre disciplinas con maior representación. Deste xeito entregaranse un total de dez galardóns e cinco Premios Especiais, ademais dos Premios Honoríficos a persoas destacadas do ámbito da comunicación e creatividade. As bases pódense consultar na web oficial dos premios e as candidaturas poden enviarse ata o 23 de outubro.
Os galardóns especiais son o Premio Galicia Calidade, destinado a distinguir un anunciante, axencia ou proxecto revelación; o Premio ao Anunciante do Ano, que recoñece unha aposta sostida pola comunicación e o márketing; e o Premio Paraugas de Ouro, considerado o maior recoñecemento do evento e reservado á candidatura máis sobresaínte. Nesta edición, o certame aposta por visibilizar ás novas xeracións co Premio Paraugas Novos Talentos e permitir a participación cidadá a través do Premio Paraugas do Público.
As categorías deste ano inclúen o Premio Paraugas á Mellor Produción Gráfica, Premio Paraugas á Mellor Solución de Deseño, á Mellor Idea Creativa, á Mellor Campaña Publicitaria, á Mellor Estratexia de Márketing, á Mellor Acción de Branding, á Mellor Estratexia Global de Comunicación, á Estratexia máis Eficaz e ao Mellor Evento Profesional ou Corporativo e ao Mellor Evento Cultural, Gastronómico ou Musical.
Con esta edición, os Premios Paraugas consolidan o seu compromiso por destacar o talento creativo galego e promover proxectos que combinen innovación, calidade e impacto social. Os X Premios Paraugas contan con patrocinio da Xunta de Galicia, Concello de Ferrol, Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e CESUGA.
O Clúster da Comunicación de Galicia
O Clúster da Comunicación de Galicia ten o obxectivo de reunir aos profesionais do sector, a toda a cadea de valor da industria en Galicia, poñendo en valor ás súas empresas e profesionais do márketing, comunicación, deseñadores, creativos, axencias de publicidade, axencias de medios, eventos ou impresores. Actualmente está integrado por 233 entidades, entre as que se atopan empresas, asociacións e centros tecnolóxicos ou de formación.
Carme D. Prol
comunicacion@clustercomunicacion.gal

