O Clúster de Comunicación de Galicia vén de desvelar os dous premios honoríficos que se outorgarán na VIII edición dos Premios Paraugas que, por primeira vez, se celebarán no teatro Jofre de Ferrol o vindeiro 17 de novembro. Así, a xunta directiva do Clúster recoñecerá a figura da xornalista Rosa Vilas, pioneira do sector, e a do publicista Luis Bassat, un referente internacional en márketing e comunicación.
Deste xeito, o recoñecemento honorífico a Rosa Vilas pretende destacar a traxectoria laboral da primeira muller directora da Televisión de Galicia e a primeira que exerceu como redactora xefa e subdirectora de informativos nesa mesma canle. A súa labor profesional foi recoñecida ao longo dos anos con outras distincións como, por exemplo, o Premio Talento de Televisión da Academia de Televisión, no ano 2014, e o Premio Enrique Beotas na modalidade de entrevista en 2016.
O segundo homenaxeado, Luis Bassar, é un dos publicistas máis reputados e recoñecidos do panorama internacional que foi premiado xa, nacional e internacionalmente, en máis de 500 ocasións e que impartiu máis de 2000 conferencias sobre comunicación, creatividade, arte e márketing arredor do mundo. Ademáis, é o presidente o Grupo Bassat Ogilvy de España, co-presidente e director creativo de Ogilvy Europa, África e Oriente Medio. E a estes cargos tamén hai que sumar o de presidente do Consello Creativo mundial de Ogilvy.
Unha edición renovada
Os Premios Paraugas presentánse na súa VIII edición dun xeito renovado e con múltiples novedades, aínda que manteñen o seu principal obxectivo, poñer en valor a calidade do traballo do sector da comunicación en Galicia a través dunha convocatoria con seis categorías nas que se enxalzarán proxectos de impresión, deseño, creatividade, márketing, comunicación e eventos.
A principal novidade é a creación de dous premios especiais: o Premio Paraugas de Ouro, que recoñece a candidatura máis destacada da edición, e o Premio Paraugas Novos Talentos, co que se pretende visibilizar a valía das novas xeracións.