Skip to content

SANTIAGO REY FERNÁNDEZ-LATORRE Premio Honorífico da Comunicación

A Xunta Directiva do Clúster da Comunicación de Galicia acordou outorgarlle o Premio Honorífico dos Premios Paraugas 2025 a Santiago Rey Fernández-Latorre, pola súa contribución ao ámbito da comunicación e do xornalismo en Galicia mediante a defensa dos intereses da comunidade, dos valores xornalísticos e o seu impulso á industria da comunicación como motor económico.

Santiago Rey Fernández-Latorre (A Coruña, 1938-2024) foi un dos editores e empresarios da comunicación máis influentes de España. Neto do fundador de La Voz de Galicia, dedicou máis de sesenta anos a converter o xornal nun referente informativo, modernizándoo tecnoloxicamente e defendendo a identidade galega. O seu legado marcou a historia do xornalismo galego e español.

MARISA GUITIÁN MARTÍNEZ Premio Honorífico da Creatividade

A Xunta Directiva do Clúster da Comunicación de Galicia acordou outorgarlle o Premio Honorífico de Creatividade, nos Premios Paraugas 2025, a Marisa Guitián Martínez, en recoñecemento á súa traxectoria pioneira e ao seu papel esencial no desenvolvemento da creatividade e da comunicación en Galicia, impulsando proxectos innovadores e consolidando un tecido empresarial sólido e en constante evolución.

Nacida en Rubiá (Ourense) e criada na cidade da Coruña, Marisa Guitián é unha das figuras máis influentes e respectadas do sector publicitario galego. A súa carreira comezou na Cadena SER, onde contribuíu á implantación da FM entre os anunciantes, e continuou coa fundación da axencia Idea Creatividad y Comunicación, unha das máis destacadas de Galicia, da que é administradora desde hai máis de corenta anos. A súa visión estratéxica, a aposta temperá pola tecnoloxía e a formación continua, así como a creación dun modelo empresarial baseado no traballo en equipo e na responsabilidade, convertérona nun referente da creatividade e nunha inspiración para as novas xeracións de profesionais da comunicación.